Saturday 27 de April de 2024

O BNG demanda o incremento das partidas destinadas a Culleredo nos orzamentos da Xunta para 2023


– Solicítanse varias melloras no recinto da Xunta en Acea de Ama, entre elas a mellora da mobilidade interna e un segundo vaso na piscina con dimensións olímpicas.

– Para a zona rural demándanse un novo centro de saúde e un Instituto, que eviten numerosos desprazamentos diarios e fomenten á igualdade no acceso a servizos básicos da veciñanza desa zona.

– O BNG demanda un plan de industrialización comarcal, e a conexión ferroviaria do Centro Loxístico de Ledoño co porto exterior.

O BNG de Culleredo, a través dos representantes nacionalistas no Parlamento Galego, ven de pedir o incremento das partidas destinadas ao noso Concello nos orzamentos da Xunta para o ano 2023.

Entre as emendas presentadas están diversas melloras no recinto de Acea de Ama, tanto no estrictamente deportivo (ampliación do segundo vaso da piscina para que os clubes de natación poidan contar cunha instalación de dimensións olímpicas), como na mellora do medio físico (recuperación ambiental do recinto e mellora da mobilidade interna).

O BNG de Culleredo presenta tamén dúas emendas para dar cumprimento ao seu compromiso coa mellora na dotación dos servizos públicos básicos na zona rural. A primeira é para a elaboración dun proxecto para un novo centro de saúde, xa que o actual non conta cos requisitos mínimos que se piden hoxe en día para asegurar unha atención de calidade. A segunda faise eco da petición dun importante número de familias para dotar ao noso Concello dun Instituto de Educación Secundaria no rural, que aforraría gran cantidade de viaxes diarios ao alumnado e clarificaría o mapa escolar de Culleredo, contribuíndo á igualdade de oportunidades e ao aforro enerxético.

Reclámanse tamén a elaboración dun plan de industrialización a nivel comarcal e dun plan ferroviario que ligue Punta Langosteira co Centro Loxístico de Ledoño, que está chamado a ser un importante enclave do transporte a nivel comarcal.

Para o grupo nacionalista as emendas presentadas son reflexo das demandas sociais e son totalmente asumíbeis, estando xustificadas tanto social como económicamente, polo que agardan que poidan contar co apoio dos restantes grupos no Parlamento Galego para a súa aprobación.